CRTVG

Buscar

Detido cun permiso de condución da "República Errante Menda Lerenda"

Publicado o 30/10/2020 10:59
Detido cun permiso de condución da "República Errante Menda Lerenda"

A Garda Civil detivo un veciño de Oza-Cesuras como presunto autor de tres delitos contra a seguridade viaria, un de resistencia a axentes da autoridade e outro de falsidade en documento público, xa que se identificou cun pasaporte e un permiso de condución da "República Errante  Menda Lerenda", da que aseguraba ser membro do corpo diplomático.

O condutor foi interceptado nun control na autovía da Coruña (A-6) ao seu paso por Abegondo por non levar posto o cinto de seguridade e, cando detivo o vehículo para notificarlle a infracción, os axentes observaron que as placas de matrícula dificilmente se poderían corresponder co modelo e ano do turismo.

Os axentes solicitáronlle a documentación pertinente para a súa identificación e mostroulles un pasaporte e un permiso de condución da "República Errante Menda Lerenda"; tras ser apercibido para que exhibise a súa identificación fidedigna, o condutor insultou os axentes e fuxiu a gran velocidade, segundo detalla a Garda Civil nun comunicado.

Seguidamente, a patrulla iniciou a persecución do vehículo e pediu apoio a outros axentes en servizo para poder interceptalo, dado que o fuxitivo abandonou a autovía na saída de Montellos invadindo o sentido contrario e obrigando varios usuarios a realizar manobras bruscas para evitar chocar con el.

A Garda Civil continuou co seguimento do vehículo ata que estacionou diante dunha vivenda nunha aldea de Oza-Cesuras, na que entrou e da que se negou a saír alegando que era membro do corpo diplomático da mencionada "República Errante Menda Lerenda".

Tras ser convencido por un dos gardas civís para que abandonase a vivenda, os axentes puideron comprobar a súa documentación e ver que a este home lle constaban dúas requisitorias xudiciais de detención e comparecencia, carecía de permiso de condución por perda de vixencia e as placas de matrícula non correspondían co vehículo que as portaba.

Tamén se negou a someterse ás probas de detección de alcoholemia e drogas, e foi detido como presunto autor de tres delitos contra a seguridade viaria: condución temeraria, carecendo da correspondente autorización administrativa por perda de vixencia; resistencia aos axentes da autoridade pola súa negativa para identificarse e falsidade en documento público por portar placas de matrícula que non corresponden a ese vehículo.