CRTVG

Buscar

Detidas en Lugo dúas mulleres por estafar persoas en situación vulnerable

Publicado o 17/06/2020 13:31

Detidas en Lugo dúas mulleres por estafar persoas en situación vulnerable, ás que utilizaban para comprar teléfonos móbiles. Prometíanlles 50 euros por comprar un teléfono para elas sen saber que, en connivencia co empregado da tenda, asinaban un documento para pagar a prazos. As estafadoras vendían logo os móbiles e a policía calcula que deste xeito conseguiron un botín duns 30.000 euros.

As vítimas eran persoas en situación vulnerable, ben por problemas económicos ou dificultades cognitivas, ás que convencian para facer unha compra no seu nome a cambio dunha remuneración económica.

Así as levaban a unha tenda de telefonía, onde, baixo a promesa de pagarlles 50 euros, lograban que presentasen o seu DNI e asinasen un documento para conseguir un móbil que quedaba o gancho da estafa e que logo vendía.

Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo, explica que "as vítimas asinaban un contrato por un teléfono de alta gama e recibian a cambio 50 euros, e descubrían despois que contraeran unha débeda e que tiñan que facer fronte ao pagamento dos prazos do teléfono".

O voceiro da Policía Nacional di que a investigación partiu da denuncia dunha vítima e que a raíz deste caso se abriron dúas investigacións noutras comunidades onde se repite a estafa, pero a través de Internet.

A policía detivo unha muller con antecedentes e a dependenta dunha tenda de telefonía que era cómplice da estafa. O volume dos cartos que puideron recadar con este método estímanse nuns 30.000 euros.

 

Noticias web

17/06/2020