CRTVG

Buscar

Detidas dúas persoas en Vilanova de Arousa nunha nova operación antidroga

Publicado o 28/08/2020 21:55

A embarcación interceptouse de madrugada no porto de Vilanova de Arousa. Os seus ocupantes trataban de sacala da auga cun remoque. Pero nese momento chegou a Garda Civil e os dous homes déronse á fuga. Colléronos axiña. Agora declaran ante axentes da Garda Civil de Pontevedra. A embarcación estaba baleira pero fontes da investigación están convencidos de que viña de facer unha descarga de cocaína e de que a droga está agochada preto de aquí. 

Así estaba a narcolancha cando uns axentes da Garda Civil a descubriron de madrugada no porto de Vilanova. A embarcación aínda metida na auga e dúas persoas intentando subila ao remolque dun coche para sacala a terra.

Tan pronto viron a garda civil, un deles botou a correr e o outro tirouse á auga. Non lles serviu de nada. Os gardas detivéronos e comprobaron o que sospeitaban. A embarcación nin ten matrícula nin folio na ría de Arousa e é moi semellante ás que se usan para introducir droga nas nosas rías.

A narcolancha estaba baleira. Os investigadores cren que a embarcación viña de facer unha descarga de cocaína e de deixar a droga nun almacén próximo, o que se coñece como unha gardería. Rematado o traballo, os seus ocupantes estábana sacando da auga para poder agochala nalgunha nave da zona. A Garda Civil está convencida de que a cocaína está preto deste lugar.

Os arrestados declaran na comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Mentres tanto, un gran número de efectivos rastrexan a Arousa. A operación está aberta e non se descartan rexistros e novas detencións na zona nas próximas horas.

Polo de agora non trascendeu a identidade dos detidos nin se sabe se son coñecidos do mundo do narcotráfico. Pero a embarcación coa que contan fai pensar que son xente con contactos e medios e que esta non sería a súa primeira descarga.

 

Noticias web

28/08/2020