CRTVG

Buscar

A prisión dous dos cinco detidos por agredir gardas civís en Muxía

Publicado o 23/07/2019 15:01

Dous dos cinco agresores de Muxía ingresaron esta tarde en prisión despois de declarar nos xulgados de Corcubión. Os dous restantes foron postos en liberdade con medidas cautelares. Os detidos están acusados de alteración da orde pública e de mallar en varios axentes da Garda Civil durante a celebración das festas do Carme.

Despois da súa declaración perante o xuíz, dous dos cinco agresores dos gardas civís na parroquia de Moraima, durante as festas do Carme de Muxía, foron enviados a prisión.

A liorta producíase despois dun altercado entre unha moza e outro rapaz en que mediou a Garda Civil. Os axentes recibiron puñadas polas que foron asistidos polos servizos médicos e un deles mesmo tivo que ser ingresado por un corte no nariz. Dous dos presuntos atacantes xa tiñan un historial delituoso con condenas e penas de prisión.

Os 5 detidos declararon esta mañá nos xulgados de Corcubión. Os 3 que foron postos en liberdade teñen a obriga de presentarse en dependencias xudiciais cada 15 días.