CRTVG

Buscar

Detidas cinco persoas acusadas de 30 roubos con forza na comarca ourensá da Limia

Publicado o 12/06/2020 12:27
Detidas cinco persoas acusadas de 30 roubos con forza na comarca ourensá da Limia

A Garda Civil de Ourense detivo cinco persoas como presuntas autoras de 30 roubos con forza na comarca ourensá da Limia, especialmente en naves industriais e agrícolas.

Segundo informou a Garda Civil, a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense, con apoio de unidades de Xinzo de Limia, no marco da operación GiroOu, detiveron cinco persoas, identificadas como J.A.P.G., de 50 anos; J.F.L., de 24; B.P.C., de 54; R.F.G., de 34; e J.G.R., de 36 anos, todos de nacionalidade española, como presuntos autores de varios delitos de roubo con forza cometidos na comarca da Limia nos últimos meses.

As mesmas fontes relataron que desde finais do ano 2019 tiveron coñecemento dun incremento de roubos con forza en naves agrícolas e industriais na comarca da Limia, onde os autores, tras forzar as portas de entrada, marchaban con ferramentas e maquinaría, "causando importantes perdas económicas ás vítimas", indicou a Benemérita. O valor dos obxectos roubados sitúase nuns 100.000 euros.

Unha vez realizado "un minucioso estudo de todos estes roubos", sinalou a Garda Civil, os axentes centraron os seus pescudas en tratar de atopar o material roubado, o que finalmente atoparon nas últimas semanas. Posteriormente, analizárono e cotexárono coas denuncias presentadas, o que os levou á conclusión de que  algúns obxectos pertencían a roubos cometidos en instalacións do Concello de Xinzo de Limia xa no ano 2018.

Os detidos, unha vez pasaron por dependencias policiais, foron postos en liberdade. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Xinzo de Limia. Os investigadores continúan coa análise do material incautado, ante as sospeitas de que poida estar vinculado a máis roubos da comarca da Limia e limítrofes.