Detidas 39 persoas, dúas delas en Galicia, e intervidos 111 quilos de cocaína nunha redada antidroga
As forzas de seguridade desmantelaron unha banda de narcotraficantes responsable do envío ás Canarias de grandes cantidades de droga. Hai 39 persoas detidas, dúas delas en Galicia, e os axentes comisaron cen quilos de cocaína.
A banda estaba dirixida desde Madrid por unha muller colombiana, con antecedentes por narcotráfico.
Dos 39 detidos nesta redada, 31 son colombianos, e o resto españois, venezolanos e un brasileiro.
Para evitar ser detectados, os membros da banda pechaban os seus tratos en salas de urxencias de hospitais.
Nos 18 rexistros efectuados en Madrid, Pontevedra, e outras catro provincias, os axentes comisaron 111 quilos de cocaína e 1 de éxtase.
A banda é responsable do envío de grandes cantidades de cocaína ás Canarias a través de paquetes postais. Nun dos últimos, a policía incautouse de 38 quilos de droga agochados no interior dunha neveira. Durante a redada comisaron armas, vehículos e 150.000 euros en efectivo.