CRTVG

Buscar

Detida unha persoa en Pontevedra nunha operación contra a pornografía infantil

Publicado o 15/04/2021 11:59
Detida unha persoa en Pontevedra nunha operación contra a pornografía infantil

A Policía Nacional detivo doce persoas, unha delas en Pontevedra, por posuír e distribuír material de abuso sexual infantil a través de Internet. A operación desenvolveuse tamén nas provincias de Alacante, Barcelona, Madrid, Valladolid e Almería.

Nesta última arrestaron unha muller que enviaba imaxes con connotacións sexuais da súa propia filla, menor de idade, a un detido en Barcelona a través dunha aplicación de mensaxería instantánea.

Segundo informa a Dirección Xeral da Policía, interviñeron catorce teléfonos móbiles, tres ordenadores portátiles, nove discos duros, dúas tabletas e vinte e catro CD-Rom.

As pescudas comezaron cando a embaixada dos Estados Unidos en España remitiu información de varias investigacións levadas a cabo polo Centro Nacional para Menores Desaparecidos e Explotados dese país, sobre a presunta comisión de delitos de prostitución e corrupción de menores.

Doce persoas detidas

Na documentación alertábase de feitos constitutivos de delito de posesión e distribución de material de abuso sexual infantil a través de Internet en España.

Tras varias xestións, lograron identificar e deter doce persoas usuarias dunha web para distribuír material de explotación sexual. Catro actuaban na provincia de Barcelona, dúas na de Alacante, Almería e Madrid e unha nas de Pontevedra e Valladolid.

A Policía Nacional lembra que compartir ou gardar imaxes sexuais de menores é un delito e pide que, en caso de ter coñecemento da súa existencia, o contido debe denunciarse na propia rede social ou ante as forzas de seguridade.