CRTVG

Buscar

Detida unha parella que obrigaba varias mulleres a exercer a prostitución en Vilagarcía

Publicado o 23/09/2020 19:15
Detida unha parella que obrigaba varias mulleres a exercer a prostitución en Vilagarcía

Axentes da Policía Nacional da comisaría de Vilagarcía de Arousa liberaron catro mulleres prostituídas nesta localidade e detiveron unha parella integrante dunha organización dedicada ao tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos foron denunciados o pasado febreiro a través dunha chamada telefónica en que se alertaba de que unha muller se atopaba retida nun piso e non a deixaban saír, ademais de obrigala a exercer a prostitución.

Os axentes iniciaron a investigación e lograron contactar coa vítima por teléfono que afirmou ser ameazada cun coitelo no pescozo por unha muller para obrigala a exercer a prostitución. Na súa declaración, a vítima indicou que nun primeiro momento veu de vacacións a España e trasladouse a Vilagarcía para traballar supostamente como "masaxista", destacou a Policía.

Unha vez no piso, onde vivían en compañía desa muller e a súa parella, comezaron as ameazas co coitelo, momentos en que tiña que encerrarse nun cuarto en compañía doutras mozas, mentres golpeaba a porta e ameazaba con acoitelalas, sinalou a Policía.

A parella encargábase de xestionar o funcionamento do piso onde se exercía a prostitución. En concreto, o home publicaba os anuncios nunha páxina web e acompañaba as mozas nas súas "saídas profesionais" a outros domicilios. Mentres, a muller encargábase do control dos servizos, da súa duración, do cobro e das coaccións e ameazas con retirarlles a documentación ás mozas e botalas de España, relatou a Policía.

Por todo iso os axentes policiais detiveron os dous membros desta parella o pasado 22 de setembro polos delitos de tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual, detención ilegal, e ameazas. Os arrestados son naturais de Colombia de 42 e 30 anos de idade, ambos con antecedentes policiais.

Esta operación enmárcase dentro do plan da Policía Nacional contra o tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual, indicaron as mesmas fontes. A Policía Nacional lembra que conta coa liña telefónica 900 10 50 90 e o correo trata@policia.es para facilitar a colaboración cidadá e a denuncia, anónima e confidencial, deste tipo de delitos, xa que non queda reflectida a chamada na factura telefónica.

Actualmente cóntase tamén con 106 axentes formados como interlocutores sociais contra o tráfico de seres humanos. Estes expertos serán o punto de contacto permanente coas ONG para fomentar a colaboración coas vítimas de tráfico de seres humanos, garantir o intercambio mutuo de información, tendencias, estatísticas e promover os protocolos de coordinación que resulten necesarios para a asistencia ás vítimas e o apoio policial especializado na materia, explicou.