Detida unha parella que acoitelou un taxista na Coruña tras negarse a pagarlle a carreira
Os feitos tiveron lugar o domingo á tarde. Os supostos agresores, un home e unha muller de mediana idade, colleron o taxi nesta parada dos Mallos, desde onde se dirixiron á zona das casas de San Xosé, nas inmediacións da refinería de Repsol.
Manuel Sánchez, presidente de Fegataxi, explica que son unhas casas semiabandonadas e que alí, tras unha discusión cortáronlle a cara.
Un servizo de menos de seis euros que, ao parecer, se negaron a pagar. Houbo unha discusión e cando o taxista se dispoñía a chamar a policía, o individuo sacou unha navalla coa que lle causou feridas na cara e na man mentres a muller tamén o golpeaba. A vítima logrou fuxir a pé e pedir axuda, mentres os dous agresores danaban tamén o vehículo. A policía presentouse no lugar e asistiu o taxista, que tivo que ser trasladado ao CHUAC, onde recibiu varios puntos de sutura na cara. Os agresores foron detidos nas inmediacións.
"Sabemos que é unha zona conflitiva, agora menos porque derruíron parte das casas, pero segue habendo xente que vai alí", confirman os taxistas, que con todo aseguran que A Coruña é unha cidade tranquila e que este foi un caso puntual.
Os detidos pasaron a disposición xudicial. O taxista agredido recupérase das feridas e, sobre todo, do susto.