CRTVG

Buscar

Detida unha parella na Pobra cando tentaba roubar nunhas expendedoras

Publicado o 02/10/2020 14:01

A detención tivo lugar onda o peirao da Pobra e o obxectivo do roubo, as tres máquinas aquí instaladas, leváronas esta mañá cos seus donos fartos de roubos e de estragos.

Do último caso alertou unha veciña que oíu os golpes contra as máquinas. Acudiu de inmediato a patrulla da Policía Local da Pobra, que frustrou o rubo e detivo a parella presunta autora. Un dos axentes, Marcos Rodríguez Iglesias explica que "a rapaza estaba en actitude de vixilancia e o rapaz xa tiña cortadas as caixas e estaba intentando coller o diñeiro. Tiña unha man cortada, o que me chamou a atención, porque estaba a sangrar abundantemente por un dedo, porque se cortara cos metais da caixa".

Os operarios das máquinas lembraban esta mañá cando traballaban na súa retirada que non hai moito lles efectuaran un reforzamento contra accións vandálicas, despois de soportaren numeros roubos e estragos. O último, na madrugade de onte. 

Rodríguez Iglesias conta que para o roubo, o home "forzara as caixas cun obxecto de aceiro que é a pata dun andamio. E as caixas estaban forzadas cun perfil metálico que tamén estaba no lugar.
Non opuxeron resistencia porque a detención foi moi rápida. A chamada foi ás 5:03 e ás 5:10 xa estaban engrilletados. Trataron de disipar a culpa dicindo que estaban a botar cartos na máquina e que llelos tragara, o que non é certo, e foron detidos por un delito de roubo con forza".

Tras declarar ante o xuíz, a parella quedou en liberdade con cargos. A policía sospeita que os dous detidos, el da Pobra e ela de Ribeira, poderían estar vencellados con outras accións similares na vila.

Noticias web

02/10/2020