Detida unha muller en Lugo acusada de maltratar o seu fillo menor
Publicado o 27/04/2020 14:36
Axentes da Policía Nacional detiveron unha muller de 38 anos, veciña de Lugo, por suposta violencia doméstica contra o seu fillo.
Os feitos sucederon onte á tarde, cando unha patrulla da policía atopou un menor, descalzo, que andaba pola rúa República Arxentina. O rapaz díxolles aos axentes que a súa nai lle pegara e que el escapara da casa.
Despois de falar con el, os axentes presentáronse no domicilio, detiveron a nai e trasladárona á comisaría.
O menor foi sometido a unha avaliación médica, que determinou que tiña lesións de carácter leve, e, posteriormente, quedou ao coidado da súa tía.
A detida pasa hoxe a disposición xudicial.