CRTVG

Buscar

Detida en Vigo unha muller de 30 anos por intentar acoitelar o pai

Publicado o 27/01/2021 11:52
Detida en Vigo unha muller de 30 anos por intentar acoitelar o pai

A Policía Local detivo en Vigo unha muller por intentar acoitelar o seu pai. O suceso tivo lugar pouco despois das 4 da tarde nunha vivenda situada na rúa Cangas, onde reside a agresora cos seus pais. A muller, de 30 anos, mantivo unha forte discusión co seu proxenitor, de 60, e comezou a golpear os mobles da sala en que se atopaban.

O home quixo impedirllo e foi cado ela colleu un coitelo de cociña para intentar pinchalo. A muller agrediu e golpeou o pai coa arma, e provocoulle diversas contusións, pero non logrou facerlle cortes co coitelo. Foi a nai que tamén se atopaba na casa quen alertou as forzas de seguridade.

Ao chegar á vivenda os axentes detiveron a filla por un delito de violencia no ámbito familiar. Ata o lugar desprazouse tamén unha ambulancia para trasladar a moza, que podería ter problemas psiquiátricos. Segundo manifestou o pai, non era a primeira vez que a muller o agredía e que o ameazaba con acoitelalo.

Noticias web

27/01/2021