Detida a organizadora da festa de Marbella onde morreu o disc-jóckey de Ferrol

A Policía Nacional detivo a muller que supostamente organizou a festa ilegal na que faleceu por impacto de bala un disc-jóckey, de 41 anos, natural de Ferrol. Ocorreu na madrugada do luns nun chalé de Marbella, en Málaga.
Á arrestada, de nacionalidade española, impútanselle os delitos de omisión do deber de socorro e de encubrimento, segundo informaron fontes policiais. A muller pasou este xoves a disposición xudicial.
Xunto a ela, tamén prestaron declaración os outros dous detidos, un alemán de 30 anos, suposto autor dos disparos, e un home de 28 anos da mesma nacionalidade, ao que se lle acusa de encubrimento.
Os feitos aconteceron nun chalé da urbanización Guadalmina. Dacordo coas primeiras pescudas, a casa alugárase durante a fin de semana para celebrar unha festa. De madrugada, un dos asistentes afectuou varios disparos e alcanzou o disc-jóckey.
A Policía topou a vivenda baleira e o corpo da vítima nunha das estancia cun impacto de bala no pescozo. Os servizos sanitarios só puideron certificar a súa morte.