CRTVG

Buscar

Detida a nai da menor vendida pola familia para saldar unha débeda

Publicado o 19/04/2021 12:13

Xa hai catro detidos máis en relación coa venda dunha rapaza de 12 anos liberada na Coruña. Entre eles está a nai da cativa, arrestada en Córdoba. En total son sete as persoas investigadas por este caso. todos están acusados de comercio de seres humanos, detención ilegal e abuso sexual continuado. Segundo a policía, a cativa foi vendida para liquidar unha débeda. Os seus compradores casárona á forza e obrigárona a manter relacións sexuais. A investigación comezou en marzo, cando botaron en falta a rapaza na escola.

Axentes da Policía Nacional detiveron en Córdoba a nai da nena de doce anos liberada na Coruña tras ser entregada pola súa familia para saldar unha débeda de 4.000 euros. Na cidade andaluza prenderon outras tres persoas implicadas no caso, entre elas, a parella da proxenitora. 

Impútaselles os delitos de tráfico de seres humanos, detención ilegal e abuso sexual continuado; os mesmos que se lles atribúen ás tres persoas detidas a semana pasada na Coruña. A autoridade xudicial decretou medidas privativas de liberdade para todas elas, segundo informa o Ministerio do Interior nun comunicado.

Venda da menor en Córdoba

As investigacións comezaron durante o pasado mes de marzo, cando a Policía Nacional de Córdoba tivo coñecemento do posible matrimonio forzado dunha menor de doce anos como pago dunha débeda de 4.000 euros contraída pola súa familia con outro clan. Segundo as primeiras informacións recibidas, a menor, forzada a manter relacións sexuais e a celebrar unha cerimonia, foi trasladada fóra da cidade andaluza.

Tras as xestións practicadas coa nai da menor, e as oportunas comprobacións no colexio en que se atopaba escolarizada, iniciáronse as xestións para a súa localización. As investigacións levaron os axentes ata A Coruña, onde identificaron os membros da familia que presuntamente compraran a rapaza.

Logo de establecer un dispositivo de vixilancia, rexistraron o domicilio onde tiñan recluída a menor, liberárona e prenderon tres dos dos investigados. De xeito coordinado, arrestaron en Córdoba  outros catro implicados, entre eles, a nai da nena e a súa parella.

A menor está agora nun centro dependente da Xunta de Galicia.