CRTVG

Buscar

Detéñeno por agredir uns policías que o paran por ir sen máscara e di que o virus non existe

Publicado o 01/10/2020 15:08

Deteñen un mozo en Vigo por agredir uns policías que o pararon por ir sen máscara pola rúa. O mozo enfrontouse aos axentes asegurando que a Covid non existe. É o segundo altercado deste tipo na cidade, lembren que hai só uns días a ermida da Guía apareceu chea de pintadas negando a pandemia... e agora isto.

Incomprensiblemente aínda hai persoas que negan a pandemia polo coronavirus, e cada un demóstrao á súa maneira. Algúns estragando o patrimonio, como o autor ou autores destas pintadas plasmadas nas paredes da ermida situada na Guía, un dos enclaves máis fermosos de Vigo e máis visitados polos turistas. Nelas fan referencia á pandemia como unha estafa e unha mentira. E nas últimas horas dábase o segundo caso de negacionismo esta semana na cidade. Un mozo foi detido por non levar posta a máscara e rexeitar facelo cando llo esixiu a Policía Local. Trátase dun rapaz de 18 anos que aseguraba que o coronavirus non existe. O rapaz mesmo chegou a agredir un dos axentes.    

Aseguroulles aos axentes que o virus non existe, que é todo unha mentira e que se negaba a levar a máscara.

O mozo negacionista da pandemia camiñaba por este barrio de Vigo xunto con dous amigos que si facían uso da protección. Cando os axentes o ían sancionar, abalanzouse sobre un deles e intentou esganalo. Levárono detido. As autoridades sanitarias advirten de que este tipo de comportamentos negacionistas supoñen un perigo para a saúde pública.

Sucéndense os altercados ocasionados polos negacionistas da pandemia. A comezos desta semana aparecía a ermida da Guía chea de pintadas con alusións ao coronavirus. Unha vez máis mensaxes que negan a existencia da pandemia.

 

 

Noticias web

01/10/2020