Deteñen unha muller en Lugo acusada de acoitelar outra na rúa
Todo comezou nunha cafetería do centro de Lugo na media tarde de onte. A muller, de 41 anos, empezou a ameazar os clientes do bar cunha navalla.
Unha das testemuñas explica que a muller estaba a pedir diñeiro aos clientes e como non lle daban comezou a tirar mesas, pratos e a ameazar cunha navalla. A dona do bar engade que pasaron moito medo. Foi a propietaria do local a que avisou o 091 do acontecido.
Manuel Arias Veiga, subinspector da Policía Nacional, explica que inmediatamente se dirixen os vehículos que estaban dispoñibles a ese lugar. Nese intervalo reciben unha segunda chamada na que lles comunican que unha muller foi agredida cunha arma branca nas inmediacións desa zona.
Foi na rúa Conde Pallares, moi preto da cafetería. Foron os axentes os que primeiro lle prestaron axuda á vítima do acoitelamento. Esa persoa perdía bastante sangue, asegura o axente, pero ao mesmo tempo derívase un terceiro vehículo para localizar a agresora cos datos que lles remiten a través das chamadas, a descrición física e a roupa que levaba.
Ao pouco detiveron a presunta agresora, incautándolle a navalla coa que supostamente levara a cabo as agresións. Arias Veiga indica que a causa non se pode determinar.
A presunta autora dos feitos pasa no día de hoxe a disposición xudicial. A vítima permanece ingresada no Hospital Universitario Lucus Augusti, con dúas coiteladas que lle afectaron un pulmón e un brazo, pero a súa vida non corre perigo.