Deteñen un rapaz en Santiago que arrastraba polo pelo a súa moza na praza Roxa
Publicado o 12/10/2021 14:32

Na praza Roxa de Santiago, un home foi detido esta fin de semana cando levaba a rastro agarrada polo pelo a súa moza, en estado inconsciente por inxesta excesiva de alcol.
Ese foi o panorama ante o que algunhas testemuñas chamaron a policía. Cando chegaron ao lugar senllas patrullas da Policía Nacional e da Policía Local, o individuo enfrontouse aos axentes e intentou agredir un deles.
Máis tarde dificultou o labor do persoal sanitario que intentaba reanimar a moza. Tamén proferiu insultos e ameazas contra os traballadores da ambulancia. Nin sequera co traslado da moza ao hospital rematou o incidente, pois o detido enfrontouse deseguido cun condutor que pasaba pola zona, ao que agrediu e lle rompeu as lentes.