CRTVG

Buscar

Deteñen un pederasta en Benidorm que acumulaba máis de mil gravacións de menores espidos

Publicado o 20/06/2021 12:19

A Policía Nacional logrou arrestar na localidade alacantina de Benidorm un suposto pederasta que pirateaba as cámaras domésticas de máis de 70 familias de distintos países. A persoa detida chegou a acumular máis de 1.000 gravacións de nenos espidos, dous deles españois.

Os axentes que investigan o caso teñen constancia de que o detido acosou sexualmente once menores que entraron a aplicacións coñecidas de videochats ou videochamadas, gravándoos espidos. Algunhas veces mesmo os ameazou e chantaxeou de distintos xeitos.

O home era moi activo nas redes sociais e en Internet e mesmo chegou a crear un sistema de venda de pornografía infantil a cambio de bitcoins, a criptomoeda de moda hoxe en día, ou tamén imaxes de abusos gravados polos seus propios clientes.

A sospeita sobre este individuo apareceu cando os axentes da Task Force Argos, o departamento da Policía do estado de Queensland en Australia visionaron imaxes sexuais dun neno que posiblemente era do Pacífico. A análise informática desvelou que todas as imaxes se subían á rede desde España.

Malia que o detido non quixo colaborar cos axentes da Policía, o rexistro do seu domicilio constatou que había abondas probas que acreditan a autoría dos feitos investigados pola Policía de Queensland en Australia.

Noticias web

20/06/2021