CRTVG

Buscar

Deteñen un mozo por unha agresión a un veciño da Illa de Arousa, que permanece ingresado en estado grave

Publicado o 11/03/2020 14:48

A Garda Civil detivo un veciño da Illa de 23 anos como presunto autor da agresión a outro veciño da localidade, de 34 anos, na madrugada do sábado na zona da praia do Bao.

Á espera de que a vítima poida confirmar se se tratou dunha agresión ou ben dunha caída fortuíta desde o alto do edificio de usos náuticos da Illa continúan as investigacións sobre o acontecido.

Foi outro veciño que paseaba polo lugar o que atopou o corpo da vítima ao bordo da hipotermia e con lesións graves por todo o corpo, despois de precipitarse desde o alto das instalacións deste edificio, onde aínda hoxe permanecía aparcado o coche da vítima.

A Garda Civil descarta o roubo como móbil da agresión, xa que horas despois unha mariscadora atopaba a carteira con cartos e as chaves nesta praia da Abilleira.

O detido permanece nas dependencias da Garda Civil de Sanxenxo á espera de pasar a disposición xudicial no xulgados de Cambados, como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa.

A vítima que presenta fractura dun brazo, fémur, pelve e unha costela con afectación do pulmón permanece ingresado en estado grave na UCI do hospital Montecelo.

Noticias web

11/03/2020