CRTVG

Buscar

Deteñen un home por vender lotaría falsa na feira de Becerreá

Publicado o 07/05/2019 14:37

A Garda Civil investiga un veciño do Courel que, presuntamente, vendía boletos falsos de lotaría na feira de Becerreá. Os axentes incautáronlle máis de 1.600 billetes que supostamente eran para sorteos organizados por asociacións benéficas. A baixa calidade do papel dos boletos e a falta de información nos mesmos espertaron as sospeitas. O home xa pasou a disposición xudicial e estanse a buscar os seus posibles cómplices.

No campo da feira de Becerreá era onde operaba o home que, presuntamente, vendía billetes falsos de lotaría aos veciños. O individuo ofrecía boletos da fórmula rasca e gaña e outros de sorteo directo por importe dun e dous euros. Segundo a Garda Civil, que está a investigar o caso, trátase dun home de idade avanzada e veciño do concello de Folgoso do Courel. Algunhas persoas das que mercaron os boletos decatáronse de que estes non traían ningún tipo de indicacións para o cobro e estaban feitos en papel que lembraba o das fotocopias. Ese feito foi o que puxo os axentes na pista do home. Os vendedores profesionais din que é fácil detectar este tipo de fraudes.

O home xa pasou a disposición xudicial e a Garda Civil está a investigar se actuaba coa axuda de cómplices que poderían ser os encargados da impresión dos falsos billetes. O que ofertaba o individuo eran boletos que supostamente correspondían con sorteos de organizacións de axuda social. As súas vítimas eran preferentemente persoas maiores que non diferencian ben a calidade dos boletos. Os vendedores lembran que só eles dispoñen da información sobre os sorteos e son quen de facilitala.

A Garda Civil incautoulle ao detido 390 euros en metálico, supostamente procedentes das vendas e arredor de 1.600 billetes falsos de diferentes sorteos.

Noticias web

07/05/2019