O Concello de Soutomaior decreta dous días de loito polo dobre crime
• Os axentes atoparon o detido na leira da vivenda, a carón dos corpos das mulleres, de 62 e 23 anos, con feridas por arma de fogo
• Está previsto que o presunto autor pase o luns a disposición xudicial
Soutomaior decretou dous días de loito oficial polo dobre crime acontecido onte neste concello pontevedrés, que amence hoxe consternado. Está previsto que o luns pase a disposición xudicial o detido como presunto asasino da morte da súa irmá e a súa sobriña, segundo fontes xudiciais. A Policía Local atopouno a carón dos cadáveres na leira da súa vivenda.
A Garda Civil detivo este venres un home como presunto autor do homicidio da súa irmá, de 62 anos, e a súa sobriña, de 23, no municipio pontevedrés de Soutomaior. Trátase dunha zona illada e sen veciños próximos, moi preto do castelo de Soutomaior.
Os axentes da Policía Local acudiron a unha vivenda de Monte Coello, en Soutomaior, tras ser alertados por unha testemuña ao redor das 15:15 horas e atoparon os corpos sen vida de dúas mulleres, nai e filla, con feridas de arma de fogo; concretamente dunha pistola.
Xa foi detido o irmán da maior das mulleres, un home de 52 de idade, como suposto responsable do homicidio de ambas. Os policías atoparon o home á beira dos cadáveres. Pouco despois chegaba unha irmá da vítima e do agresor coa esperanza de que fose todo un pesadelo.
O suceso tivo lugar no domicilio do agresor, que non convivía coas falecidas, logo dunha liorta familiar.
Cando as dúas mulleres foron darlles de comer a uns cans, botaron en falta unha escada que lle foron reclamar ao detido. Ese podería ser o detonante que desencadeou un enfrontamento. Familiares e veciños contan que as discusións eran frecuentes por diversas desavinzas familiares e mesmo apuntan a problemas coas drogas.
O lugar dos feitos foi acordoado polas forzas de seguridade para levar a cabo a investigación. Hai pouco máis dunha hora que o xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres.