Deteñen un home en Lugo tras fuxir da policía a case 200 km/h e enfrontarse aos axentes

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron un veciño de Lugo, de 45 anos, que tentou fuxir de "forma temeraria" dunha patrulla camuflada, ata o punto de que chegou a alcanzar velocidades próximas aos 200 quilómetros por hora na contorna da cidade.
Segundo informou a Comisaría Provincial de Lugo, os feitos ocorreron a pasada madrugada, cando a través da sala do 091, axentes da Brigada de Seguridade Cidadá que estaban de servizo foron alertados de que a Garda Civil dera aviso do roubo dun vehículo na localidade de Vilalba.
Para deter o suposto autor do roubo, a Policía Nacional despregou un dispositivo de vixilancia nos accesos á cidade de Lugo, o que lles permitiu aos axentes observar que o vehículo roubado en Vilalba circulaba pola A-6 "nas primeiras horas da pasada madrugada".
Aínda que unha patrulla tratou de seguilo, finalmente tivo que desistir, dado que o sospeitoso circulaba a máis de 200 quilómetros por hora.
Posteriormente, outra unidade comprobou que o turismo roubado, un Seat León, aparecera ardendo na zona de Nadela, xunto a unha das saídas da autovía.
Con todo, grazas ao dispositivo de vixilancia despregado nos accesos á cidade, unha patrulla de paisano que ía nun vehículo camuflado decatouse da presenza dun monovolume a cuxo volante ía un vello coñecido da polícía, pola súa implicación en diversos delitos.
Para comprobar se o citado individuo estaba implicado no roubo do vehículo en Vilalba, os axentes comezaron a seguilo, pero ao decatarse da súa presenza, "iniciou unha fuxida temeraria, con total desprezo pola seguridade" dos demais usuarios da vía, dado que invadiu o carril contrario e chegou a atravesar a dobre liña continua do tramo da Nacional VI que coincide coa circunvalación de Lugo.
O condutor fixo caso omiso ás indicacións dos axentes, obrigou outros condutores a desviar a súa traxectoria para evitar unha colisión e ignorou os sinais de stop e as preferencias de paso.
Despois de abandonar a Nacional VI, a persecución continuou pola estrada de Orbazai, vía en que o sospeitoso chegou a alcanzar velocidades próximas aos 180 quilómetros por hora, ata que perdeu o control do vehículo na contorna do Club Fluvial, saíu da vía e acabou co coche sobre un vello lavadoiro no medio dunha leira.
Cando os axentes se achegaron ao monovolume, o home saíu do coche e arremeteu contra os policías para tratar de escapar, polo que foi reducido e detido, en principio, por condución temeraria e atentado.
A investigación continúa aberta e o detido, que ten unha decena de antecedentes por diferentes delitos, pasará nas próximas horas a disposición xudicial.
Por outra banda, o Corpo Nacional de Policía imputou como investigado por dous supostos delitos de roubo con forza perpetrados na cidade de Lugo un home de 45 anos que xa está en prisión por feitos similares e que acumula máis de trinta detencións previas.