CRTVG

Buscar

Deteñen un estafador de mulleres en Verín

Publicado o 18/10/2019 14:52

Os axentes da Garda Civil de Cualedro descubriron a identidade do home de Aragón que se dedicaba a enganar mulleres por toda España para sacarlles os cartos. Foi unha denuncia por ameazas do marido dunha veciña de Cualedro coa que o estafador vivía en Verín o que os puxo sobre a súa pista. E hai uns días puideron detelo. O home mandáballe audios ao teléfono do marido con insultos e ameazas.

A familia da presunta vítima non quixo falar antes as cámaras porque din que están moi afectados con todo o ocorrido. Sen avisar, no mes de xuño a muller deixou de traballar na panadería familiar e abandonou o marido e o seu fillo para instalarse nun piso en Verín con este home, facíase chamar Ramón e dícía que era lexionario e malagueño. A muller comezou a quitar cartos da súa conta e ingresáballos a el, en total uns 80.000 euros. Os veciños de Cualedro están moi sorprendidos ao coñecer a noticia da detención do home.

O home detido, Carlos Javier Peláez, de Zaragoza, tras declarar nun xulgado de Verín, ingresou no cárcere do Pereiro de Aguiar. Tiña numerosas ordes de busca e detención como presunto autor de 38 delitos: estafas, roubos e apropiacións indebidas. Supostamente, do mesmo xeito enganou 20 mulleres por toda España.

A muller de Cualedro aínda non puxo denuncia e tivo que ser ingresada no hospital por unha crise de ansiedade.

Noticias web

18/10/2019