CRTVG

Buscar

Deteñen tres veciños da Coruña, de 20 a 25 anos, pola malleira mortal a Samuel

Publicado o 06/07/2021 18:44

• Non se descartan máis detencións nas vindeiras horas

EP/ EFE

A Policía Nacional detivo tres mozos veciños da Coruña, de 20 a 25 anos, como presuntos autores da malleira mortal ao mozo Samuel, de 24 anos, na madrugada do sábado. Así o informou a través da súa conta de Twitter a Policía Nacional, que indica que a investigación "continúa aberta ata o total esclarecemento dos feitos". Precisamente por isto, "non se descartan máis detencións nas próximas horas", conclúe. 

Os mozos arrestados, dous varóns e unha muller, están acusados de agresión violenta. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza non puideron precisar aínda cando van pasar a disposición xudicial.

O delegado do Goberno en Galicia José Miñones confirmou nunhas declaracións remitidas aos medios que estes arrestos se produciron "ao longo da mañá de hoxe e ás primeiras horas desta tarde".

Ata o momento, polo menos 15 persoas pasaron polo cuartel de Lonzas, na Coruña, para declarar por este crime. Por agora, fontes oficiais aínda non confirman se foi un ataque homófobo; dirimirase na investigación, tal e como insiste a Delegación do Goberno. 

Con todo, a amiga de Samuel que se atopaba no lugar dos feitos denuncia que durante a agresión, aínda que se iniciou por un malentendido cun teléfono móbil (quen lle propinou a primeira puñada pensaba que o estaban gravando), producíronse expresións homófobas. Ademais, dúas das testemuñas presenciais, Marco e Pablo Barrón, apuntaron a un grupo duns 12 mozos como posibles participantes na malleira.

Tras as tres primeiras detencións, o delegado do Goberno en Galicia aproveitou para agradecer o "traballo rigoroso" realizado nas últimas xornadas pola Brigada Provincial da Policía Xudicial da Xefatura de Galicia, xa que "desde o primeiro momento" traballaron "co único fin de levar ante a xustiza os autores" deste crime.

Xunto ás imaxes captadas polas cámaras de seguridade tamen serán importantes as declaracións das testemuñas que chegaron primeiro a socorrer a Samuel, a quen encontraon xa caído no chan.

Pablo Barrón asegurou: "Eu non os escoitei nin se dirixiron a min; simplemente me encontro con eles, dáme tempo a contar doce e ver que son todos latinos".

Marco sinalou: "Eu tomeille o pulso tres veces e non llo collín. Tiña feridas moi profundas na cabeza".

Miñones volveu a apelar á "responsabilidade e á prudencia" para deixar traballar a Policía Nacional na resolución deste caso: "Debémosllo á nosa sociedade e debémosllo sobre todo á familia de Samuel".

A investigación atópase baixo segredo de sumario. Por iso, o delegado do Goberno evitou aclarar se entre estas persoas estaba algún dos autores da agresión mortal.

Os axentes analizan as imaxes captadas polas cámaras da Policía Local e das empresas privadas no lugar dos feitos co obxecto de "esclarecer o detalle do ocorrido" e facelo "ben", segundo subliñou Miñones, sobre a posibilidade da motivación homófoba.

Os grupos parlamentarios galegos preparan unha declaración institucional para expresar o seu rexeitamento e condenar o asasinato que será lida no pleno da semana que vén, o último deste período ordinario de sesións.

Tamén o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo asegurou este martes que foi un "asasinato tan brutal e irracional" que o deixou "impactado e consternado" e para o que "non hai ningunha explicación".

O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero ratificou o compromiso de todas as administracións galegas no rexeitamento de caquera delito de odio ou vulneración dos dereitos das personas LGTBI. Sindicatos, universidades, patronal, representantes do Goberno galego e entidades en defensa dos colectivos LGTBI manifestan o seu compromiso de perseguir os comportamentos que poñan en risco a diversidade sexual. 

O asasinato do mozo continúa recibindo mostras de condena pola súa brutalidade e a súa familia tamén de apoio por esta gran perda. 

Noticias web

06/07/2021