CRTVG

Buscar

Deteñen 3 persoas na Coruña por reter unha nena de 12 anos que fora vendida polos pais

Publicado o 14/04/2021 15:32

Imaxes de Marcos Míguez cedidas por 'La Voz de Galicia'

A noticia conmociona hoxe este barrio de Montealto. A policía rescatou unha cativa de anos vendida primeiro polos seus pais por 4.000 euros para saldar unha débeda e obrigada despois a casar cun dos seus compradores. A rapaza estaba retida nun piso desta rúa da Torre.

Un enorme dispositivo policial liberouna esta mañá. Polo de agora transcendeu que hai 3 detidos e un fuxido, que sería o líder da trama. Pero a operación continúa aberta e podería deixar novos arrestos nas próximas horas. Os supostos captores están agora en dependencias da Policía.

A operación policial comezou en Andalucía e deu os seus primeiros froitos na Coruña, na rúa da Torre. Alí a policía detivo tres persoas. Están acusadas de reter nun piso unha nena de 12 anos. Hai unha cuarta persoa relacionada co seu secuestro que fuxiu e permanece en paradoiro descoñecido. Crese que é o líder da trama.

Segundo fontes da investigación, os pais da cativa tiñan unha débeda de 15.000 euros cunha banda criminal. Cando non puideron pagar, vendéronlles a nena a uns intermediarios. Esta xente abusou sexualmente da nena para comprobar se era virxe e despois obrigárona a casar cun dos membros da banda, un dos detidos. A noticia causou unha auténtica conmoción entre os veciños.

A rapaza, xa rescatada, tivo que ser atendida polo 061 e despois trasladárona a un centro social.
Mentres tanto, os seus captores agardan na comisaría de Lonzas para pasar a disposición do xulgado.