Deteñen tres persoas en Ribadumia cun milleiro de doses de cocaína
A Garda Civil detivo tres persoas en Ribadumia aos que sorprenderon en posesión de preto dun milleiro de doses de cocaína.
Segundo informa o instituto armado, un dos tres é o responsable dunha vivenda, situada no lugar de Barrantes, en que mantiña unha actividade de venda e distribución de drogas.
Xunto con estes tres detidos, outras tres persoas quedaron en situación de investigadas por un suposto delito contra a saúde pública.
A investigación desta operación, denominada Oreo, comezou a finais do ano pasado cando o propietario da vivenda denunciou que sufrira un roubo con violencia e intimidación no seu domicilio por parte de dous individuos encapuchados, que lle levaran unha importante cantidade de cartos.
A raíz deste suceso, a Garda Civil, descubriu que esta persoa, de 39 anos de idade, se dedicaba á venda de droga tanto no seu domicilio como en varios establecementos das zonas de ocio de Sanxnxo e Cambados.
No rexistro realizado no seu domicilio, os axentes atoparon preto dun milleiro de doses de cocaína, 3.600 euros en efectivo e unha importante cantidade de elementos e medios utilizados para a preparación e manipulación de substancias estupefacentes.
A operación concluíu co desartellamento da trama que cooperaba con el, integrado por outras cinco persoas, todos eles veciños de Cambados e Ribadumia, e a incautación de catorce teléfonos móbiles e dous vehículos.