Deteñen seis percebeiros furtivos nunha redada contra o marisqueo ilegal no Val Miñor
Publicado o 03/07/2021 21:35
A Garda Civil desartellou un grupo organizado de mariscadores furtivos de percebe no sur da provincia de Pontevedra.
As investigacións iniciáronse hai aproximadamente seis meses no marco da operación Rasqueta II. E concluíron, neste momento, coa detención de seis persoas e catro investigados polos delitos de organización criminal e contra a flora e a fauna. Son veciños de Baiona, Nigrán, Oia, Tui e Vigo.
Os dous principais responsables do grupo foron detectados faenando na costa de Oia. No seu turismo incautáronse de ferramentas para a extracción ilegal de percebe.