CRTVG

Buscar

Deteñen o policía implicado na morte do afroamericano George Floyd nos EUA

Publicado o 29/05/2020 20:09
Deteñen o policía implicado na morte do afroamericano George Floyd nos EUA

O axente Derek Chauvin foi detido este venres pola súa suposta responsabilidade na morte do  afroamericano George Floyd ao proceder ao seu arresto o pasado luns en Minneapolis (Minnesota, EUA), un feito que desencadeou unha onda de protestas no país

O comisionado de Seguridade Pública de Minnesota, John Harrington, citado por medios locais, anunciou que Chauvin foi arrestado polo seu presunto papel no falecemento de Floyd.

Pouco despois do arresto do policía, foron revelados os cargos que se lle imputan. O axente Derek Chauvin foi acusado de asasinato en terceiro grao e de homicidio imprudente.

Terceiro día de protestas

Hai tres días que se iniciaron as protestas raciais en Minneapolis tras a morte de George Floyd a mans da policía. Nesta nova xornada, os manifestantes fixéronse coas instalacións da Policía e prenderon lume ao edificio ao que pertencían os catro axentes que detiveron o afroamericano de 46 anos.

Malia as chamadas de paz do alcalde da cidade as concentracións destas últimas horas aínda tiveron máis carga de ira.