Deteñen en Ourense 25 homes acusados de contrabando de tabaco
Un total de 25 homes foron detidos este xoves en Ourense como presuntos autores dos delitos de pertenza a organización criminal e contrabando de tabaco, informou a Garda Civil.
A operación, que serviu para desarticular a organización criminal, iniciouse o pasado mes de maio e concluíu hoxe coa detención destas 25 persoas, todas elas naturais de Romanía, Moldavia, Ucraína e Portugal. Os axentes incautáronse de 300 toneladas de produto.
O modus operandi da organización, segundo o instituto armado, consistía en traer picadura de tabaco doutros países por transporte terrestre para elaborar cigarros nun laboratorio de Coles e envasalos en paquetes para a súa venda no mercado negro.
Trátase dunha operación conxunta en que participaron a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense, a Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Ourense e o Greco da Policía Nacional de Galicia.
A operación continúa de momento aberta e as actuacións están baixo segredo de sumario.