Investigan unha presunta agresión sexual a unha menor de Lugo o día de Aninovo
Nas próximas horas pasará a disposición xudicial o mozo que foi detido nas últimas horas por presuntamente violar unha menor o día de Aninovo.
O presunto agresor e a vítima coincidiron nun grupo de amigos que quedaron o día de Aninovo para ir almorzar. Segundo a denuncia presentada polos pais da menor, a rapaza saíu da súa casa ás nove da mañá para xuntarse coas amigas, quedaran en ir tomar o chocolate con churros a unha cafetería da cidade.
Antes foron a un piso do barrio da Milagrosa para recoller outros compañeiros. Tras pasar un anaco no piso dun amigo, a vítima saíu da vivenda cunha amiga, o noivo desta e un amigo do rapaz, quen lle confesou que lle gustaba e pediulle que o acompañase ao entrechán.
A adolescente accedeu de xeito voluntario e unha vez alí levouna ao cuarto de contadores e alí produciuse a agresión sexual. A menor pediulle varias veces que se detivese e que a deixase marchar, pero o rapaz fixo caso omiso. A menor confesoulle o sucedido a unha amiga, que foi a que alertou a familia.
"Actívase o protocolo de protección da menor xunto cos servizos sanitarios, e iníciase a investigación para identificar o autor e detelo", explica Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.
A policía toma agora declaración ao grupo de amigos, moitos deles menores de idade.
A vítima ten 14 anos e o seu presunto agresor, 18.