CRTVG

Buscar

Deteñen dúas persoas en Santiago por extorsión tras unha cita por Internet

Publicado o 13/01/2020 14:20

Citouse cunha muller a través dunha páxina web de contactos, pero resultou ser un engano, e ela e o seu home acabaron por chantaxealo.

A suposta vítima explicou na súa denuncia que tras reunirse coa muller en varias ocasións, ela e o seu marido esixíronlle o pago de 7.000 euros, a cambio de non publicar fotografías e conversas íntimas mantidas entre eles. Tras proceder a ese primeiro pagamento, volveron contactar con el, pedíndolle nesa ocasión 14.600 euros. Foi aí cando o home se negou e denunciou os feitos.

Os axentes da Policía Xudicial que se encargaron da investigación, identificaron os presuntos autores da extorsión. Comprobaron que posuían anuncios en plataformas de contactos de Internet, baixo unha identidade falsa. Algo que tería como obxecto, segundo a Garda Civil, dificultar o labor das forzas de seguridade.

A investigación segue aberta e non se descarta a existencia doutras posibles vítimas que non denunciaran os feitos por temor a que as súas imaxes e conversas fosen difundidas.

Os dous detidos xa foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago.

Noticias web

13/01/2020