CRTVG

Buscar

Deteñen dúas persoas de Carballo por roubar a persoas de avanzada idade

Publicado o 19/03/2021 11:00
Deteñen dúas persoas de Carballo por roubar a persoas de avanzada idade

O Equipo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña detivo a un home e unha muller, veciños de Carballo, como presuntos autores de tres delitos de roubo e dous delitos de furto cometidos a persoas de avanzada idade, informa o Instituto Armado.

A operación ‘Carrizo’ iniciouse por mor de roubos ocorridos nos concellos coruñeses da Laracha e Serra de Outes.

Os autores, indica a Benemérita, localizaban vivendas en zonas rurais con baixa densidade de poboación e cuxos moradores fosen normalmente persoas de avanzada idade con algún problema de mobilidade ou auditivo que os fixese máis vulnerables, aproveitando dita circunstancia para acceder ao domicilio.

Os investigadores lograron a identificación dos presuntos autores, que eran coñecidos das forzas de seguridade por delitos de diversa índole.

Unha vez coñecida a identidade, a Garda Civil procedeu á explotación da mencionada operación, sorprendendo aos detidos cando trataban de acceder a un domicilio na parroquia de Erboedo, na Laracha.

Aí, intervéuselles diñeiro en efectivo, efectos froito dos roubos perpetrados e o vehículo no que se desprazaban.

Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e os efectos intervidos, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución número 3 de Carballo