CRTVG

Buscar

Deteñen catro mozos en Vigo que se enfrontaron á policía que disolveu o seu 'botellón'

Publicado o 22/09/2021 11:50
Deteñen catro mozos en Vigo que se enfrontaron á policía que disolveu o seu 'botellón'
EFE

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron tres homes e unha menor como presuntos autores de delitos de atentado contra axentes da autoridade tras enfrontarse con eles cando disolvían o botellón do que formaban parte.

Os feitos, segundo informaron este mércores fontes policiais, tiveron lugar arredor das dúas da pasada madrugada na rúa Toxal, desde onde os veciños requiriron a presenza da Policía porque catro mozos estaban a beber na rúa mentres escoitaban música a un volume moi elevado.

Varias dotacións trasladáronse ao lugar e instaron os mozos a que apagasen a música e a que se identificasen ao obxecto de cursar as correspondentes sancións administrativas por consumir alcol na vía pública.

Todos eles manifestaron estar indocumentados, momento en que a muller comezou a gritar que non se ía a identificar e que era menor de idade, á vez que se encaraba cun dos axentes sen respectar a distancia mínima de seguridade, á que estaba obrigada ao non levar máscara.

A moza, segundo a policía, foi elevando o seu nivel de agresividade ata que nun momento dado comezou a golpear ao axente que tiña máis preto, de modo que foi reducida e detida, a pesar de opoñer resistencia, explican os axentes.

Trátase de S. M. C, viguesa de 17 anos de idade, a cuxa nai a policía informou de que fora detida.

Posteriormente, o axente que fora agredido pola moza decatouse de que se lle caera o teléfono móbil persoal, que fora recollido por un dos mozos: F. D. C. R, de Colombia e 30 anos de idade, o cal, sen mediar palabra, deulle unha puñada ao axente cando lle pediu que llo devolvese, polo que foi detido tamén.

Mentres isto sucedía, outro axente porfiaba por introducir no coche patrulla a menor, quen non deixaba de lanzar patadas e cuspe.

En axuda da moza acudiron os outros dous homes do grupo, B. A. A. F, do Paraguai e 22 anos, e  L. C. D. S. P, do Brasil e 21 anos, os cales comezaron a agredir ao axente, polo que tamén foron reducidos e detidos como presuntos autores dun delito de atentado a axentes da autoridade. 

Noticias web

22/09/2021