Deteñen o rei da "cocaína rosa", un fuxitivo holandés que fabricaba a droga da alta sociedade
Un triplo golpe da Garda Civíl acaba co maior alixo de cocaína rosa. Na operación os axentes detiveron un fuxitivo holandés condenado por asasinato e membro dos "lobos grises", a organización turca de extrema dereita que en 1981 intentou matar o papa Xoán Paulo II.
O suposto líder da organización, coñecido como Erxinio, de 21 anos, producía a droga a demanda e apenas saía do seu agocho, tras fuxir dos Países Baixos por matar un rival de 26 anos, pero as súas excentricidades delatárono. Levaban case un ano detrás dos seus pasos en España. A UCO, coa colaboración da Policía holandesa detívoo en Valencia canda outro holandés de orixe turca e incautáronse de 11 quilos de "cocaína rosa", unha droga carísima, que denominan da alta sociedade, 300 quilos de MDMA e 350.000 euros en billetes.
A cen euros o gramo
Diversos estudos apuntan que o 2CB é hoxe en día unha das substancias psicoactivas máis estendidas en Europa e Australia. Considerada por algúns como a favorita no mercado mundial das drogas, está entre os compostos químicos que aparecen como adulterantes.
A fabricación baixo demanda e para zonas e momentos concretos e a súa exclusividade fan que o prezo da 2CB poida alcanzar máis de 100 euros por gramo.
Nunca se encontraron máis de dous quilos en España, o que fai pensar que existe un laboratorio de drogas sintéticas en Valencia polo que segue a investigación para localizalo.