CRTVG

Buscar

Deteñen a ex-parella da muller asasinada en Xixón

Publicado o 05/02/2020 22:10
Deteñen a ex-parella da muller asasinada en Xixón

A Policía Nacional detivo arredor das sete da tarde do mércores o principal sospeitoso e suposto autor da morte de Lorena Dacuña Fernández, a muller asasinada en Xixón. 

Segundo a comisaría xixonesa, o corpo sen vida da muller, de 41 anos, foi descuberto polos seus familiares o luns sobre as 14:30 horas no seu domicilio do barrio da Calzada, na rúa Callao. Axentes da Unidade de Familia e Muller e da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta traballaban varias liñas de investigación. Para iso revisaron gravacións, solicitaron testemuños e reconstruíron as últimas horas da vida da falecida.   

Froito da investigación e a través da análise e exame dos vestixios achados no domicilio da muller, púidose establecer un "amplo, discreto e efectivo" dispositivo de procura que deu como resultado a detención do suposto autor do crime. O Xulgado de Instrución de Garda decretou o segredo sumarial, polo que non trascenderon máis detalles da investigación.