Declaran esta tarde cinco dos sete detidos no operativo contra o tráfico de drogas no poboado do Vao
Cinco dos detidos nas últimas horas no poboado do Vao, en Poio, nunha operación contra o narcotráfico, declaran esta tarde ante o titular do xulgado número 3 de Pontevedra. Farano de xeito telemático desde a comandancia da Garda Civil desa cidade.
A operación Desfiladero levada a cabo pola Garda Civil de Pontevevedra no Vao de Abaixo continúa aberta tras a detención dende onte de 7 persoas. O último arresto producíase esta mesma mañá. Dous deles quedaron en liberdade en calidade de investigados. Un tiña causas pendentes por delitos anteriores e o outro declarou na comandancia. Neste forte operativo caeu un dos considerados como responsables do tráfico de drogas a pequena escala no poboado, alcumado El Vaquilla. Está pevisto que este home e outros 4 pasen a disposición xudicial ante o xulgado de instrución número tres de Pontevedra de foma telemática dende a comandancia, onde se atopan arestora. No amplo dispositivo despregado pola Garda Civil e formado por máis de medio cento de axentes, incautáronse máis de 300 doses de cocaína, catro de heroína, varias armas brancas, 900 euros, nove teléfonos móbiles e diversas xoias. A operación Desfiladero supón un duro golpe ao tráfico de drogas no punto máis activo do Vao. Non se desbota que se produzan novas detención nas próximas horas.