CRTVG

Buscar

Deteñen 64 membros dunha banda que distribuía marihuana por Europa desde Granada

Publicado o 13/02/2021 13:04

 

 

A Garda Civil detivo 64 integrantes dunha banda criminal que distribuía marihuana en grandes cantidades desde Granada a toda Europa, especialmente a Italia e Alemaña. A organización contaba cunha subministración constante da droga grazas aos cultivos que se producían en numerosas vivendas da área metropolitana de Granada. O produto chegáballes directamente ou con intermediarios á central da rede en Santa Fe, onde completaban a preparación do material para exportalo.

Súmase ao alixo de 5.500 plantas, case 100.000 euros, sete vehículos de alta gama e 501 abrochos de marihuana. Os axentes comisaron tamén máis dun milleiro de décimos de lotaría.

A investigación e as operacións da banda mantíñanse de xeito habitual ata que o 22 de decembro desapareceu o líder da organización mafiosa, que apareceu morto un día máis tarde nunha beiravía da estrada de entrada á Serra de Huétor Santillana, a 30 quilómetros da casa onde o secuestraran. Uns ciclistas encontraron o corpo, que presentaba signos de violencia extrema.

Axentes da Garda Civíl detiveron pouco despois os catro membros do equipo de seguridade da organización cando querían fuxir desde o aeroporto de Granada. A investigación trata de determinar que relación tiveron co asasinato do seu xefe. Os feitos obrigaron a acelerar a operación ante a posibilidade de máis violencia. A rede estaba integrada por españois, rusos e eslovenos e a Garda Civil tiña o punto de mira nela desde había tempo, cando descubriron que a vivenda de Santa Fe era un punto de recollida da marihuana.

Da vixilanica encargábanse catro persoas de nacionalidade romanesa, que cobraban 3.000 euros cada mes e o xefe 4.000.

Nos rexistros de vivendas localizáronse zulos e agochos aos que se accedía con portas hidráulicas camufladas, coa infraestrutura precisa para ofrecerlles ás plantas a temperatura e a humidade necesarias. Nun dos sotos apareceron os cartos e a arma.

 

Noticias web

13/02/2021