CRTVG

Buscar

Detención a tiros en Cambre dun individuo que tiña unha orde de ingreso en prisión

Publicado o 20/09/2019 14:31

Todo comezou no concello de Oleiros, na zona do Carballo. Aquí, varios veciños viron un home espido de cintura para arriba, no interior dun coche estacionado na beiravía, e alertaron a Policía. Nada máis ver os axentes, o varón arrancou o coche e fuxiu poñendo en perigo a seguridade colectiva e a dos peóns realizando manobras evasivas de gran perigosidade.

 "Isto parecía o Bronx de Galicia. Era un coche negro perseguido por varios coches da Policía Local e tamén da Garda Civil. Bateu contra os pés dun andamio e levou por diante un pivote. Aínda así, co coche todo desfeito e a roda picada logrou fuxir nese momento."

Cando os axentes o pararon, el fixo caso omiso e mesmo tratou de artropelar un policía local de Oleiros. Foi cando un deles efectuou varios disparos ás rodas do vehículo para detelo, sen éxito.


"Si que se escoitaron tiros, imaxino que ás rodas do coche

O home seguiu a súa fuxida e finalizou a carreira nesta rúa sen saída, na zona da Costa da Tapia.

 "Entrou por esta curva, mangado, e xusto aquí esnafrouse contra outro coche. Intentou saltar o valo... collérono aquí e xa o meteron no coche".

Trasladárono aos calabozos da Policía Local de Oleiros onde permanecía esta mañá. O home, veciño de Carballo, tiña unha orde de busca, detención e ingreso en prisión emitida pola Audiencia Provincial da Coruña.



 

Noticias web

20/09/2019