CRTVG

Buscar

Detectan 21 novos casos relacionados co brote da Mariña, entre eles unha traballadora dunha residencia de Burela

Publicado o 09/07/2020 12:39

A Consellería de Sanidade informa esta mañá de que se confirmaron outros 21 casos activos de persoas afectadas por covid-19 no brote da Mariña. Os novos casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas elevan a 165 o número de casos activos dentro deste brote.

Desde o Sergas destacan que entre os afectados por este brote producíronse 25 altas epidemiolóxicas de persoas que eran positivas e que xa están curadas.

As autoridades sanitarias aseguran que dos 165 casos activos "a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días". Cinco persoas con Covid-19 están ingresadas no Hospital Público da Mariña e "a súa evolución é favorable".

Ao mesmo tempo, tamén informan que das persoas cuxas probas deron resultado negativo e que permanecían en seguimento no seu domicilio, máis de 300 xa recibiron a alta epidemiolóxica tras superar o período de illamento e non desenvolver a enfermidade. 

Desde a Consellería de Sanidade destacan que "os novos positivos que se produciron están relacionados co brote, o que permite seguir a garantir a rastrexabilidade dos casos e continuar na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión e conter o brote".

Detéctase un contaxio entre os traballadores da residencia de maiores de Burela

Detectouse o segundo contaxio activo por coronavirus entre traballadores de residencias de maiores de Galicia. Trátase dunha empregada substituta que estivo no xeriátrico de Burela. A traballadora e os seus compañeiros de quenda foron derivados aos seus domicilios para que garden corentena. Os maiores cos que tivo contacto están illados nas súas habitacións, segundo informan fontes da Consellería de Política Social.

Desde Política Social fan fincapé en que durante a hora e media que estivo no centro, a traballadora mantivo contacto con poucos usuarios, xa que era a hora da sesta, e que sempre estivo provista dun equipo de protección.

O xeriátrico de Burela, de titularidade pública, acolle 88 usuarios. A Xunta informou este xoves deste novo positivo, o segundo rexistrado tras máis dunha semana sen variacións nas residencias de maiores en Galicia, sen usuarios contaxiados desde o pasado 30 de xuño.