CRTVG

Buscar

Madrid detecta o primeiro caso da variante brasileira en España

Publicado o 05/02/2021 18:51
Madrid detecta o primeiro caso da variante brasileira en España

A Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid confirmou este venres que se detectou o primeiro caso de variante brasileira de covid-19: un home de 44 anos procedente do Brasil que entrou en España o pasado 29 de xaneiro a través do aeroporto Adolfo Suárez-Madrid Baraxas.

O home aterrou cunha proba PCR negativa en orixe, pero á súa chegada ao aeroporto madrileño realizóuselle un test de antíxenos con resultado positivo nun control de Sanidade Exterior. 

Posteriormente, foi trasladado ao Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, onde se lle fixo unha PCR que deu resultado positivo, segundo informou a Consellería de Sanidade nunha nota de prensa.

O Consello de Ministros aprobou o martes pasado aumentar as restricións de entrada a España por vía aérea desde O Brasil e Suráfrica debido ás variantes detectadas de coronavirus. 

A Comunidade de Madrid volvera pedir o luns ao Goberno a suspensión dos voos co Brasil e instou a facer "un control estrito aos viaxeiros procedentes de Suráfrica en tránsito", tras o achado de novas variantes da covid-19 nestes dous países.

Doutra banda, o primeiro caso da variante surafricana da covid-19 confirmado en España foi detectado a principios do mes de xaneiro en Vigo nun paciente de 30 anos que viaxara a aquel país por motivos laborais.

A Comunidade de Madrid non ten detectados casos de cepa surafricana na rexión, aínda que hai un sospeitoso en estudo, segundo informou este venres en conferencia de prensa o viceconselleiro madrileño de Saúde Pública e Plan Covid-19, Antonio Zapatero.

Doutra banda, sinalou que nalgunhas áreas sanitarias da capital española a presenza da variante británica alcanza o 20 % dos casos de coronavirus e noutras chega ao 50 %.

O Ministerio de Sanidade admitiu que existe "a posibilidade real" de que a variante británica do coronavirus, presente xa en 14 comunidades, poida ser máis grave e letal e advertiu de que podería aparellar un aumento da incidencia e, con ela, das hospitalizacións e a letalidade "nas próximas semanas".