Detéctanse preto de 200 contaxios diarios na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte
Publicado o 01/08/2021 16:59
O empeoramento xeral dos datos nótase dende hai días na área sanitaria de Lugo, que marca o seu cuarto día consecutivo con récord de datos. Un dos focos que preocupa é o do concello de Monterroso. Está no nivel máximo de restricións logo de que se detectasen máis de medio cento de casos positivos de coronavirus entre a poboación. Ata o de agora estaba en nivel medio, pero a aparición deste gromo fai que se aplicasen estas restricións que afectan sobre todo a hostalería.
A incidencia acumulada a catorce días supera os cincocentos casos por cen mil habitantes, pero a situación parece que xa está estabilizada. A orixe deste gromo hai que buscala nunha festa privada en que parece que non se respectaron as medidas de precaución.