CRTVG

Buscar

Detectan un foco de covid-19 nunha granxa de visóns en Curtis

Publicado o 10/09/2021 16:53
Detectan un foco de covid-19 nunha granxa de visóns en Curtis

A Consellería do Medio Rural informou este venres o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación da detección dun foco de coronavirus nunha granxa de visóns americanos situada no concello de Curtis.

Na explotación -que conta con 11.600 visóns, dos cales 3.100 son reprodutoras e 8.500 son crías- detectáronse catro mostras positivas.

A detección realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao amparo do "Programa de prevención, vixilancia e control de  SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”. 

Estas actuacións inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.

En aplicación do programa, a granxa foi inmobilizada de inmediato e procederase a continuar a vixilancia e control por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, de acordo co programa de prevención, vixilancia e control en España, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.

En toda Galicia actualmente hai un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. 

Noticias web

10/09/2021