Detectan oito positivos por covid-19 no matadoiro de Montellos, en Betanzos
Malia o gromo da covid detectado neste matadoiro de Betanzos, a súa actividade continúa practicamente con total normalidade. Dos 77 profesionais que traballan actualmente nesta planta, polo momento, só 8 deron positivo en coronavirus. Segundo responsables da empresa, trátase de casos importados, e seguindo co protocolo sanitario atópanse illados e sen complicacións no seu estado de saúde.
Tamén segue afectada pola covid esta residencia de maiores, a García Hermanos. Porén, aquí, o gromo xa está practicamente extinguido. Se ben a semana pasada eran arredor dunha trintena os infectados, os últimos datos reflicten que quedan tan só un par de residentes contaxiados, que poderían recibir a alta epidemiolóxica este mesmo venres.
Os betanceiros, en nivel alto de restricións, din que viven preocupados. Betanzos, neste momento, ten unha incidencia acumulada de 833 casos por cada 100.000 habitantes, 47 puntos menos ca onte, ao rexistrar 108 novos contaxios nas últimas dúas semanas e 23 nos últimos sete días.