CRTVG

Buscar

Detectan a variante india nunha muller que chegou a Vigo dende Nova Delhi

Publicado o 06/05/2021 17:54

É o noveno caso confirmado en Galicia tras os oito mariñeiros do buque amarrado en Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou este xoves de que Galicia rexistrou un novo caso da variante india do coronavirus á marxe dos oito tripulantes do buque Prometheus Leader, atracado en Vigo. Neste caso, trátase dunha muller que chegou tamén á cidade olívica procedente de Nova Delhi e vía Madrid-Baraxas.

Despois da conferencia de prensa posterior á reunión do comité clínico, o presidente galego explicou que a muller tomou varios avións e recalou en Baraxas antes de coller un novo voo que a levou ao aeroporto vigués de Peinador.

Feijóo explicou que se secuenciou o virus e os profesionais sanitarios determinaron que a muller fora infectada coa cepa india. En concreto, fontes da área sanitaria viguesa ratificaron que o servizo de Microbioloxía do Chuvi confirmou que o novo caso é da cepa B1.617, subvariante 2. A muller, de 66 anos, chegou a Vigo procedente da India.

A paciente non require ingreso hospitalario e permanece illada na súa casa. Ademais, aínda que Feijóo sinalara polo menos unha persona que "ou convivía con ela ou fora contacto", o Sergas concreta que xa están identificados catro dos seus contactos, que están en seguimento e corentenados.