Detectan a variante delta nas augas residuais da comarca da Coruña
• Festas de fin de curso e reunións familiares, detrás do aumento dos contaxios en varias localidades
Un gromo con 12 positivos disparou a incidencia da covid−19 no concello lugués de Castroverde: 462 casos por cen mil habitantes, a maior de Galicia. Os afectados son xente nova que participou nunha celebración. Todos están illados e baixo control, e por tanto non hai especial preocupación na vila.
"Dende o venres estase facendo un cribado e está indo a cousa ben, levamos máis de 300 persoas ou 400 xa e polo que oio están saíndo negativos todos", explica o alcalde Xosé María Arias.
A área sanitaria da Coruña está á cabeza da incidencia da covid−19 en Galicia. Preocupan o aumento dos contaxios na comarca coruñesa. Pero é Malpica de Bergantiños a que ten maior incidencia. A celebración dunha comuñón parece estar detrás de tres gromos familiares. Os veciños de Malpica cren que a xente se está descoidando porque ten ganas de xuntarse despois de todo o que pasamos. Outros poñen o caso da vila como exemplo de que unha soa persoa pode contaxiar moitas.
Nas augas residuais de Bens están percibindo un aumento da carga viral que adoita anticipar as repuntas de casos. Polo de agora non se relaciona coa variante delta ou india, aínda que esta xa se detectou na depuradora coruñesa. "O virus está circulando entre a xente, iso está claro. Incluso entre as persoas que están vacinadas, por iso nós vemos subas na carga viral. O feito de que estea a variante delta polo de agora non sei ata que punto inflúe porque polo de agora está nunha frecuencia baixa", explica Margarita Poza, coordinadora do proxecto CovidBens. Pero non se descarta que nunhas semanas a variante delta do virus se poida converter na predominante, como xa pasou noutros países europeos.