O Sergas convoca un novo cribado en Chantada tras detectar varios gromos
En Chantada, 1.400 veciños están chamados a facer unha PCR esta fin de semana. O cribado convócase despois de detectárense novos gromos no concello. Ademais do que afecta a residencia de maiores, rexistráronse outros tres nunha festa familiar, nun restaurante e nunha empresa.
Son 12 novos contaxios que elevan o total de positivos a 25. Arestora Chantada ten unha incidencia acumulada a 14 días de 306 casos por cada 100.000 habitantes. Para tentar frear a transmisión, o Sergas convoca 1.000 veciños, de 20 entre 70 anos, e 400 hostaleiros ao cribado desta fin de semana no mercado gandeiro.
A maiores, faranse novas probas PCR na residencia de maiores onde hai 13 persoas contaxiadas, 11 usuarias e 2 traballadoras. Todas estaban vacinadas e seguen asintomáticas.
Polo momento, na hostalería continúan as restricións. O sector agarda poder atallar canto antes esta inesperada repunta de contaxios para ampliar a súa actividade canto antes.