CRTVG

Buscar

Confirmados catro focos de coronavirus en granxas galegas de visón americano

Publicado o 25/06/2021 16:45

Detectados catro focos de coronavirus en senllas granxas de cría de visión americano en varias localidades da provincia da Coruña. Segundo informa a Xunta nun comunicado, dúas están situadas no concello de Abegondo, unha no da Baña e outra no de Santiago.

Nas granxas de Abegondo, con máis de 5.000 visóns cada unha, diagnosticáronse un total de doce casos. Na de Compostela, con 19.000 exemplares, confirmáronse catro infeccións ,e outras tantas na da Baña, que alberga 6.500 animais. 

Os vinte positivos localizáronse grazas ao programa de inspección periódica que se realiza cada quince días. "Tras a detección destes focos, as catro granxas foron inmobilizadas", indica o Goberno galego que xa comunicou os gromos ao Ministerio de Agricultura. Ademais, asegura que os servizos veterinarios manterán a vixilancia e o control oficial das instalacións.

De momento "todo apunta, como en casos precedentes, a unha orixe humana" do virus e puntualiza que "non existen evidencias de relación epidemiolóxica entre os catro focos". Do mesmo xeito, "descarta" que o virus poida se transmitir "dunhas granxas a outras por vía animal ou ambiental".

Segundo a Xunta, Galicia alberga actualmente "un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras". Dedícanse todas elas á cría para comercializar a pel no sector da confección.

Noticias web

25/06/2021