CRTVG

Buscar

Detectados 16 positivos nun cribado cun 34% de participación en Vigo

Publicado o 26/04/2021 18:23
Detectados 16 positivos nun cribado cun 34% de participación en Vigo

A área sanitaria de Vigo detectou 25 positivos de covid-19, deles 16 nun cribado na cidade olívica ao que acudiu un 34 por cento dos máis de 11.100 convocados. Segundo informou esta área sanitaria, na cidade de Vigo foran convocadas 11.111 persoas, das que acudiron 3.779, o que supón un 34 por cento, entre as que se diagnosticaron 16 casos positivos.

Mentres, ao cribado realizado en Gondomar con 5.010 persoas citadas acudiron 2.691, o que supón o 53,7 por cento, entre as que se diagnosticaron sete casos deste coronavirus. Pola súa banda, no municipio do Porriño foron citadas 6.000 persoas a outro cribado, ao que acudiron 1.189, o que implica o 19,8%, entre as que se detectaron dous positivos. E nas localidades de Tomiño e O Rosal citaron 4.982 persoas das que asistiron 2.341, o 46,9 por cento, e non se obtivo ningún positivo.

A área de Santiago e Barbanza, pola súa banda, detectou un positivo nun cribado realizado na Casa do Mar de Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira este domingo. Ás probas PCR en Ribeira estaban citadas persoas de entre 15 e 99 anos e contaron cunha participación do 73,7 por cento, de entre as que se detectou un positivo.

Así mesmo, a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectou un caso positivo no marco dun cribado poboacional efectuado durante este domingo pasado nas instalacións do pavillón de deportes do colexio San Tomé de Cambados. A estas probas estaban citados veciños de 20 a 29 anos de idade con cartón sanitario activa no centro de saúde de Cambados, colectivo que nesta localidade alcanza as 1.445 persoas. Esta convocatoria contou con 762 asistentes, o que supón o 52,73%.