CRTVG

Buscar

Detectado un gromo entre xente nova na cidade de Lugo

Publicado o 15/04/2021 10:18
Detectado un gromo entre xente nova na cidade de Lugo

O Servizo Galego de Saúde está moi pendente da evolución dun gromo detectado esta semana na cidade de Lugo que afecta, polo momento, unhas quince persoas, a maioría sobre os vinte anos. Arestora, está a realizar os correspondentes rastrexos e cribados para tentar cortar as cadeas de transmisión canto antes.

Segundo o Sergas, barállase a posibilidade de que os contaxios estean relacionados coas xuntanzas de estudantes que se produciron durante a Semana Santa. Por iso, nos últimos días as autoridades sanitarias centraron os seus esforzos en definir a "rastrexabilidade destes casos, precisamente para impedir que vaian a máis".

O xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, confirmou este gromo entre persoas "moi novas" e asegurou que se manteñen "en alerta". Malia consideraren que son poucos contaxios, fixo un chamamento a "non baixar a garda" e a manter as medidas de prevención.