CRTVG

Buscar

Detectado en Vigo un gromo que afecta tres membros dunha mesma familia

Publicado o 17/08/2020 18:39
Detectado en Vigo un gromo que afecta tres membros dunha mesma familia

Sanidade confirmou a detección dun novo gromo de coronavirus na área de Vigo, que afecta 3 persoas da mesma familia, co que os casos activos nesta área sanitaria ascenden a 139 este luns.

Así, fontes do Sergas informaron de que, entre os novos pacientes con covid-19 na área viguesa, están esas tres persoas, dunha mesma familia, aínda que non detallaron cal sería a orixe do contaxio nin se se trata de persoas residentes en Galicia ou turistas.

Estes novos casos súmanse a outra decena de gromos dos que informou Sanidade nas últimas semanas. Os últimos foron notificados o pasado 10 de agosto, e afectaban 14 persoas (7 na zona do Val Miñor, 3 en Salvaterra de Miño e outras 4 persoas en Vigo).

Segundo os datos notificados este luns, na área de Vigo hai 139 casos activos de COVID-19, dos que dous son pacientes hospitalizados no Álvaro Cunqueiro, ningún na UCI. Así mesmo, outras 137 persoas recupéranse nos seus domicilios.